Serán de aplicación os artigos 7,8,10,47 e 54 da lei 8/2013 de estradas de Galicia, reflectidos de seguido:
Artigo 7. Treitos urbanos
Para os efectos desta lei, considérase treito urbano dunha estrada aquel que discorre por solo clasificado polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico como urbano ou de núcleo rural cando, neste último caso, conte con aliñacións marcadas no antedito instrumento e aquel fose sometido a informe favorable, conforme esta lei, pola administración titular da estrada.
Artigo 8. Travesías
- Para os efectos desta lei, considérase travesía o treito dunha estrada no que, discorrendo por solo clasificado como urbano, existen edificacións consolidadas que formen parte do núcleo de poboación.
- As travesías urbanas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia ou treitos delas adquirirán a condición de vías urbanas cando o seu tráfico sexa maioritariamente urbano e exista unha alternativa viaria que proporcione un mellor nivel de servizo, supoña unha redución dos tempos de viaxe e manteña a continuidade do itinerario a través de estradas de titularidade da administración titular da travesía urbana ou doutras administracións de maior ámbito territorial.
- As travesías urbanas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia que adquiran a condición de vías urbanas entregaranse ao concello polo que estas discorran, seguindo os procedementos de cambios de titularidade previstos nesta lei.
Artigo 10. Catálogos de estradas e inventarios de travesías
- Os catálogos de estradas son os instrumentos públicos que serven para identificar e inventariar as estradas das redes de cada administración titular.
- Os inventarios de travesías son os instrumentos públicos que serven para identificar e inventariar as travesías existentes nas redes de estradas de cada administración titular.
- O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas, aprobará por decreto o Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia e o seu inventario de travesías, así como as súas respectivas modificacións posteriores. A actualización do Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia e do seu inventario de travesías realizarase por orde da consellaría competente en materia de estradas.
- As entidades locais aprobarán os catálogos das estradas da súa titularidade e os inventarios de travesías correspondentes, así como as respectivas modificacións e actualizacións posteriores.
- A aprobación dos inventarios de travesías por parte dos órganos competentes das súas respectivas administracións titulares implicará a autorización por parte daqueles para que os cambios de titularidade das travesías urbanas ou de treitos delas que estean incluídos nos devanditos inventarios –cando adquiran a consideración de vías urbanas, se realicen a prol do concello polo que estas discorran e exista acordo entre este e a administración titular da estrada– poidan ser aprobados pola consellaría competente en materia de estradas.
- Terán a consideración de modificación dos catálogos de estradas e dos inventarios de travesías:
- O cambio de titularidade de estradas, travesías ou treitos delas, segundo os procedementos desta lei.
- A construción de novas estradas ou de novos treitos das estradas existentes.
- A adquisición ou perda da condición de estrada dunha vía pública
- A consideración como travesía dun treito de estrada cando se tramitase un expediente para o seu recoñecemento.
- Terán a consideración de actualización dos catálogos de estradas e dos inventarios de travesías:
- O cambio de titularidade de travesías urbanas ou de treitos delas que estivesen incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, cando poida ser aprobado pola consellaría competente en materia de estradas.
- A variación do trazado de estradas existentes.
- A variación dos datos que identifican as estradas ou travesías contidas neles.
- Resto dos supostos previstos regulamentariamente.
Artigo 47. Réxime xeral e competencia
- A execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, salvo que expresamente sexa permitida por esta lei ou polo seu regulamento.
- A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección correspóndelle á administración titular da estrada.
- No caso de obras, instalacións ou actividades, non executadas pola administración titular da estrada, na parte da zona de dominio público dos treitos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías, as anteditas autorizacións serán outorgadas polos concellos, logo do informe vinculante da administración titular da estrada. Ese informe será tamén preciso no caso de obras que vaia realizar o propio concello.
- No outorgamento de autorizacións impoñeranse as condicións que, en cada caso, se consideren oportunas para evitarlles danos e perdas á estrada, ás zonas de protección, aos seus elementos funcionais, á seguridade da circulación viaria ou á adecuada explotación da estrada.
- A autorización á que se refire este precepto é independente e enténdese sen prexuízo doutras licenzas ou autorizacións que sexan necesarias para a execución das obras, instalacións ou actividades das que se trate.
Artigo 54. Réxime xeral e competencia
A competencia para a execución das medidas de protección da legalidade viaria previstas neste capítulo correspóndelle á administración titular da estrada, que poderá requirir o auxilio da forza pública cando resulte necesario para a súa execución. Na parte da zona de dominio público dos treitos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías, as anteditas medidas de protección poderán ser tamén adoptadas polos concellos.
Será competencia da respectiva administración local a aprobación, modificación e actualización do seu catálogo de estradas e inventarios de travesías.(artigo 10.4 da lei 8/2014)
As definicións de treito urbano e travesías están reflectidas nos artigos 7 e 8 la lei de estradas de Galicia 8/2013
Nos treitos urbanos será competencia do Concello a tramitación de licencias para obras, instalacións ou calquera outra actividade na parte do dominio público distintas das calzadas e das súas beiravías. O concello deberá achegar a Deputación as licenzas aprobadas nos treitos declarados como urbanos. (artigo 47.3 da lei 8/2013)
A Deputación poderá adoptar as medidas de protección da legalidade viaria previstas na lei nos treitos urbanos sen limitarse exclusivamente a calzada e beiravías.
Coa entrada en vigor de Lei de Estradas de Galicia 8/2013, estase a elaborar un inventario de tramos urbanos e travesías que actualizase de continuo. No ficheiro da esquerda están indicados os treitos xa declarados como urbanos da rede provincial.