De seguido reflíctese o artigo 47 e 48 da lei 8/2013 de estradas de Galicia:
Artigo 47. Réxime xeral e competencia
1. A execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, salvo que expresamente sexa permitida por esta lei ou polo seu regulamento.
2. A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección correspóndelle á administración titular da estrada.
No caso de obras, instalacións ou actividades, non executadas pola administración titular da estrada, na parte da zona de dominio público dos treitos urbanos distinta das calzadas e das súas beiravías, as anteditas autorizacións serán outorgadas polos concellos, logo do informe vinculante da administración titular da estrada. Ese informe será tamén preciso no caso de obras que vaia realizar o propio concello.
3. No outorgamento de autorizacións impoñeranse as condicións que, en cada caso, se consideren oportunas para evitarlles danos e perdas á estrada, ás zonas de protección, aos seus elementos funcionais, á seguridade da circulación viaria ou á adecuada explotación da estrada.
4. A autorización á que se refire este precepto é independente e enténdese sen prexuízo doutras licenzas ou autorizacións que sexan necesarias para a execución das obras, instalacións ou actividades das que se trate. contidas neles.
Artigo 48. Tramitación
1. Os procedementos de outorgamento de autorizacións iniciaranse por solicitude da persoa interesada e tramitaranse consonte o disposto na lexislación en materia de procedemento administrativo, agás no expresamente regulado nesta lei ou no seu regulamento.
2. A resolución e notificación do expediente deberá producirse no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro da administración do órgano competente para a súa tramitación. O transcurso do devandito prazo sen que se practicase a notificación da resolución permitiralle á persoa interesada entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.
3. Con carácter previo á solicitude de autorización, as persoas interesadas poderán consultar o órgano ao que lle corresponda outorgar a autorización sobre a viabilidade da actuación pretendida, así como obter información e orientación verbo dos requisitos técnicos e xurídicos que as disposicións vixentes lle impoñan.
Deberá solicitarse a autorización para a execución de obras, instalacións ou a realización de calqueira outra actividade na zona de dominio público, servidume ou afección delimitada exteriormente por dúas liñas paralelas ás arestas exteriores de explanación para os efectos da determinación da zona de afección.